Nova edición do concurso Lingua de Namorar
luns, 3 de febreiro do 2014
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,
e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron
hoxe en rolda de prensa certame Lingua de
namorar que consiste nun concurso en liña de mensaxes de amor como
iniciativa para fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas, especialmente
en momentos de lecer. Deste xeito buscan dinamizar o uso da lingua galega nas
relacións persoais e nas TIC, concretamente na Internet e a mensaxería
instantánea.
O responsable de Política Lingüística destacou que “coa posta en marcha da iniciativa se
busca tamén aproveitar as oportunidades de promoción do galego e de
participación que ofrece a web 2.0 para estimular a interactuación en galego da
xente nova”. Xa que “as linguas asociadas á creatividade, á vangarda e ás
maneiras de comunicación que posibilitan as TIC son as que collen o tren do
futuro”.
- Ovidio Rodeiro e Valentín García na rolda de prensa de hoxe
Poderán participar no programa persoas que teñan unha idade comprendida entre
os 14 e os 35 anos. Haberá dúas categorías: de 14 a 19; e de 20 a 35. En canto
ás mensaxes, deberán estar escritas en galego e poderán redactarse en prosa ou
verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en
brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao
concurso.
Para poder enviar as mensaxes, será preciso rexistrarse na páxina web do concurso
e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina do
concurso e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles
asigne. A data límite para enviar as declaracións será o 23 de febreiro.
A partir do 24 de febreiro, e ata o 28, abrirase un período para votar (os
usuarios que queiran votar deberán rexistrarse na web). Un xurado elixirá aos
gañadores entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes
escollidas (que se farán públicas o 10 de marzo na páxina web) serán as únicas
que se identifiquen co nome e apelidos dos autores e autoras.
Establécense tres premios por categoría. Para aqueles mozos e mozas de entre 14
e 19 anos, serán os seguintes: unha Playstation 4 para o primeiro; unha mesa de
mesturas de DJ para o segundo; e un reprodutor de MP3 acuático. Pola súa banda,
na segunda categoría (de 20 a 35 anos), os gañadores poderán conseguir: unha
cámara Canon réflex dixital para o primeiro clasificado; un navegador GPS de
montañismo para o segundo; e un reprodutor de MP3 acuático para o terceiro.
Nesta última categoría, todos os premios irán acompañados a maiores por unha
actividade de aventura para dúas persoas.