Nova cámara compacta 3D de Panasonic

luns, 7 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Panasonic achega unha interesante proposta para popularizar os contidos estereoscópicos coa nova cámara compacta LUMIX DMC-3D1, que emprega 2 lentes para rexistrar fotografías e vídeo en alta definición no que vimos en chamar 3D, aínda que con certa moderación técnica, pois a súa pantalla TFT táctil de 3,5 polgadas non será 3D. Sairá á venda en decembro a un prezo de 499 euros.
A Panasonic LUMIX DMC-3D1 ten un tamaño moi compacto (108,0 x 58,5 x 24,1 milímetros), pesa uns 193 gramos (con batería e tarxeta de memoria), as súas lentes son de grande angular completadas cun zoom óptico de 4x, pode tomar fotografías 2D a 12,1 Mpíxeles e 3D a 8 Mpíxeles, así como gravar vídeo en 3D a 1.920 x 1.080 píxeles a 50i e para ver estes contidos estereoscópicos podemos empregar dispositivos como os televisores Panasonic VIERA 3D (aos que conectar a cámara mediante HDMI) ou reprodutores Blu-ray 3D que soporten o formato AVCHD (que conten con lector de tarxetas de memoria), entre outros moitos dispositivos 3D.
Panasonic tamén decidiu aproveitar o potencial desta cámara para permitir disparar fotografías 2D mentres se grava vídeo 2D ou incluso disparar fotografías (ou gravar vídeo) con diferentes configuracións de zoom e enfoque aproveitando as dúas lentes da cámara.

Panasonic decidiu tirar proveito das 2 lentes da súa cámara para captar imaxes en 3D ou poder empregar dúas configuracións distintas de zoom e foco

PUBLICIDADE