Notion Ink comercializa un tablet convertible baseado en Windows 8.1

venres, 19 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A compañía Notion Ink, que se fixera popular polo seu prometedor (e decepcionante) tablet Adam, que contaba cunha pantalla LCD que contaba cun modo de funcionamento semellante ao do papel electrónico, parece continuar en activo, e agora xorde na web o Notion Ink Cain, un tablet con Windows 8.1 que está á venda na India a un prezo de só 19.990 rupias (256,11 euros), que resulta bastante axustado para as súas prestacións.
O Notion Ink Cain funciona cun procesador Intel Baytrail Z3735D de catro núcleos a 1,83 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb), pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, cámaras de 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, USB 3.0, micro USB, saída mini HDMI, batería de 7.900 mAh (cunha autonomía de até 10 horas de navegación web), un grosor de 9,7 milímetros e un peso de 650 gramos, destacando por incluír os accesorios que permiten converter o equipo nun ordenador portátil, como son unha funda magnética con teclado integrado e un rato.
Queda agora por ver se este interesante produto terá distribución internacional.

PUBLICIDADE