Nook, o lector de e-books de B&N

martes, 20 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Aínda que as filtracións arruinaron a sorpresa, Nook, o dispositivo de lectura de libros electrónicos de Barnes & Noble que sairá á venda nos EE.UU. o 30 de novembro por 259 dólares (173,52 euros), é unha agradable novidade tecnolóxica, pois este dispositivo combina con bastante acerto unha pantalla de papel electrónico de 6 polgadas cunha pantalla LCD táctil de 3,5 polgadas (en cor) que serve para administrar os contido a presentar na pantalla de E Ink.
O dispositivo tamén goza dunha alta conectividade, incluíndo tanto Wi-Fi coma 3G; 2 Gb de memoria interna ampliable mediante microSD de ata 16 Gb; permite a reprodución de MP3 (inclúe tanto toma de auriculares coma altofalante); a visualización de imaxes en JPEG, GIF, BMP e PNG; e o soporte de ficheiros tanto EPUB coma PDF, polo que aparte de acceder aos 850.000 títulos presentes na tenda de libros de B&N.
Aínda que o Nook pode facer uso da rede 3G de AT&T, dende B&N instan ao uso de comunicacións a través de Wi-Fi para achegarse a potenciais clientes. Non anunciaron os posibles plans para a súa internacionalización, seguindo os pasos do Amazon Kindle2.
Pero as innovacións do Nook non están limitadas ao seu hardware, senón que o seu software inclúe unha prestación que é toda unha sorpresa: a posibilidade de emprestar libros a través do Nook, o que supón un interesante avance neste tipo de contidos, e que é de agardar que dende as bibliotecas de boa parte do mundo miren con interese esta prestación.

PUBLICIDADE