Non haberá que pagar para xogar a Fortnite en Nintendo Switch

luns, 17 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O pasado xuño chegou a Nintendo Switch o xogo de Epic Games Fortnite, converténdose nun dos xeitos preferidos por moitos xogadores para gozar do fenómeno do ano, e que podería perigar coa posta en marcha do servizo de pagamento Nintendo Switch Online o vindeiro día 19, que sería preciso para poder gozar do xogo en liña, pero finalmente os temores disípanse, pois aínda que para gozar de Splatoon 2, ARMS ou Mario Kart 8 Deluxe en rede sexa preciso subscribirse ao servizo de pagamento, a páxina web de Nintendo indica expresamente que «algúns xogos, como Fortnite, poden xogarse en liña sen subscrición a Nintendo Switch Online».
Esta táctica non é nova, pois temos que lembrar que Fortnite é un xogo free-to-play con compras dentro da aplicación, ou sexa, que o que lle interesa a Epic Games e a Nintendo é que a base de xogadores sexa moi ampla, para que así gasten cartos dentro do xogo (que repartirán entre ambas compañías). En PlayStation 4 tamén hai toda unha serie de xogos que non precisan de contar cunha subscrición a PlayStation Plus para poder gozar dos mesmos, xa que seguen esta mesma estratexia comercial.

PUBLICIDADE