Non atopan base legal para prohibir a venda do videoxogo The Wheelman

luns, 22 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A concelleira de Educación de Barcelona, Montserrat Ballarín, solicitara un informe xurídico para ver se era posible evitar a comercialización do videoxogo The Wheelman, que se ambienta na cidade condal, ante a preocupación de que se puidese prexudicar á imaxe da vila ao empregala como escenario de secuencias violencias e actos criminais.
Finalmente non atoparon base legal para evitar a venda do xogo que sairá para Xbox 360, PS3 e PC, o que parece evidente posto que co cine e a televisión non se toma ningunha medida semellante, polo que discriminar aos videoxogos no uso de escenarios reais para a súa ambientación non estaría xustificado.
Os servizos xurídicos do Concello de Barcelona tamén sosteñen que ao non estar publicado o xogo (que finalmente non sairá este mes, senón que se demorará ata finais do primeiro trimestre de 2009) resulta moi complicado analizar os seus contidos, engadindo tamén que as cidades non teñen dereito a reclamar os danos que se poidan provocar na súa imaxe (outra cousa sería que se ofendese ás forzas de seguridade locais).
Dáse así por rematada a polémica sobre The Wheelman, o xogo virtualmente protagonizado por Vin Diesel, que parece saír reforzado por todo este rebumbio, que lle está a valer moita publicidade de balde.

PUBLICIDADE