Nomean a Mar Pereira como directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

venres, 16 de marzo do 2012 Redacción

Pereira durante a presentación aos medios das instalacións do futuro CPDI da Xunta na Cidade da Cultura

O Consello da Xunta nomeou esta mañá a Mar Pereira Álvarez como directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), organismo que unificará baixo unha mesma dirección todos os recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxicas da Xunta e permitirá un modelo de xestión das TIC integrado para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe, evitando duplicidades administrativas e establecendo unha formulación de traballo por obxectivos.
O novo organismo pretende a posta en marcha e a consolidación de 17 proxectos tecnolóxicos para conseguir unha comunidade vertebrada dixitalmente, unha administración eficiente, e a dinamización económica de Galicia co sector TIC como elemento tractor.

María del Mar Pereira Álvarez

Mar Pereira é licenciada en Física Electrónica pola Facultade de Santiago de Compostela e desde abril de 2009 ocupaba o posto de secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, departamento cuxas funcións asume a AMTEGA.
Mar Pereira pertence ao corpo de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información do Servizo Galego de Saúde. Entre o ano 2005 e o 2009 foi subdirectora xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade de Galicia. Anteriormente, ocupou o posto de directora de Organización e Sistemas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, así como outros postos de responsabilidade na Administración sanitaria. Previamente, a súa experiencia profesional desenvolveuse no ámbito privado, en empresas relacionadas cos sistemas e as tecnoloxías da información.
Mar Pereira é patroa da Fundación para a Calidade e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, así como do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), presidenta do Consello de Administración de Retegal (Redes de Telecomunicacións de Galicia), e vicepresidenta do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia. Así mesmo, preside o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia.

PUBLICIDADE