Nokia sorprende cun teléfono básico orientado á reprodución musical

mércores, 13 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Aínda que parecía que os teléfonos básicos estaban mortos e soterrados, HMD Global sorpréndenos presentando o novo Nokia 5710 XpressAudio, un teléfono sen funcionalidades de smartphone, con dobre SIM e 128 MB de almacenamento interno, que sorprende ao integrar un compartimento deslizable no que albergar e cargar uns auriculares sen fíos incluídos (que ao funcionar por Bluetooth 5.0 son compatibles con outros teléfonos).
Este móbil 4G pode presumir dunha boa autonomía (até un mes en espera e até 7,7 horas en conversa), xa que ten unhas funcionalidades moi básicas, e sorprende pola súa orientación para a reprodución musical, xa que inclúe un reprodutor de MP3, botóns específicos nos marcos para controlar a reprodución de música e o nivel de volume e incluso radio FM (que funciona tanto polos auriculares como a través dos altofalantes estéreo do propio dispositivo).
Algunhas das súas características poden parecer ridículas, como a súa pantalla QVGA de 2,4 polgadas ou a súa cámara traseira de 0,3 Mpíxeles que integra flash; pero detalles como que a súa batería sexa extraíble e que poida ler tarxetas microSD de até 32 GB (moi práctico para almacenar música). Vaia, que estamos ante un dispositivo orientado a un público moi específico, para o que probablemente o seu principal defecto sexa que a súa carga realízase a través dun conector micro USB.
Está previsto que cheguen en breve ao mercado a un prezo de 79,99 euros.

PUBLICIDADE