Nokia compite con Apple con novos móbiles multimedia e unha tenda virtual de música

mércores, 29 de agosto do 2007 Marcus Fernández

JPEG - 34.1 KB
O novo Nokia N95 accedendo á tenda de música

A compañía finlandesa Nokia parece querer seguir a estela de Apple, e presentou o terminal multimedia N81, unha versión mellorada do N95 (con 8 Gb de disco duro) e unha tenda de música para móbiles para rivalizar con iTunes.
A Nokia Music Store venderá cancións soltas a 1 euro e álbums por 10 euros, podéndose tamén contratar unha subscrición para escoitar música mediante streaming (servizo destinado ó PC). O lanzamento nos distintos mercados europeos será no outono.
Agardan que a nova tenda sexa todo un éxito xa que combina un grande catálogo con dispositivos moi atractivos e doados de manexar, accesible dende o PC a través unha aplicación que sairá antes de rematar o ano e que permitirá a reprodución, gravación e transferencia a dispositivos móbiles dos temas mercados, que estarán comprimidos con tecnoloxía de Microsoft (WMA a 192 Kbps).
Durante o evento de presentación destas novidades confirmouse a versión norteamericana do Nokia N95, pero resultou eclipsada polo N95 con 8 Gb de memoria, que se converte nun dispositivo máis atractivo para a reprodución multimedia e que, con tal capacidade de almacenamento, se sitúa como unha alternativa o iPhone de Apple. Este último móbil preséntase cunha aparencia negra (fronte á anterior versión prateada), unha batería de maior duración e unha pantalla non táctil lixeiramente máis grande (2,8 polgadas).

PUBLICIDADE