Nokia aposta polo GPS, a ampla conectividade e as cámaras de 5 Mpíxeles nos seus N79 e N85

martes, 26 de agosto do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 35.2 KB
O Nokia N79 conta con carcasas de distintas cores.

Nokia presentou dous novos móbiles que sairán á venda nos vindeiros meses comezando polo Nokia N79, que é o sucesor do N78, mellorando especialmente a súa cámara fotográfica e incorporándolle carcasas de cores, mentres que o Nokia N85 é un móbil semellante ao N81, destacando en multimedia e posibilidades de xogo.
O Nokia N79 está orientado especialmente para o consumo multimedia, utiliza tarxetas de microSD como sistema de almacenamento (incorporando de serie unha de 4 Gb), ten un conector de auriculares de 3,5 milímetros (inclúe tamén un emisor de radio FM para facilitar a recepción da música dende a radio do automóbil), a súa cámara de 5 Mpíxeles inclúe un flash de dobre LED e as fotografías poden xeolocalizarse grazas a que tamén inclúe receptor de GPS (utilizable tamén dende a aplicación Nokia Maps 2.0). No tocante á súa conectividade, o terminal cuatribanda ten soporte de HSDPA a 3,6 Mbps, Wi-Fi, Bluetooth 2.0 e incluso saída de televisión. Mide 11 x 4,9 x 1,5 centímetros, pesa 97 gramos e se venderá a partir de outubro a uns 350 euros (antes de subvencións das operadoras de telefonía móbil).

JPEG - 42.2 KB
O Nokia N85 é un terminal con dobre teclado deslizante (numérico e multimedia)

O Nokia N85 tamén contará con HSDPA, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, cámara de 5 Mpíxeles, conector de auriculares de 3,5 mm, emisor de radio FM, lector de tarxetas microSD (incluíndo de serie unha de 8 Gb) e, como diferenza con respecto do modelo anterior, temos que conta cunha pantalla AMOLED de 2,6 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles e compatibilidade coa plataforma de xogos N-Gage (pois inclúe as teclas dedicadas para tal fin). Este terminal ten teclados deslizantes (numérico e multimedia). Mide 10,3 x 5 x 1,5 centímetros e pesa 128 gramos. Agárdase que saia á venda a mediados de setembro.

PUBLICIDADE