Nokia 130, un teléfono pensado para a reprodución musical cun prezo de só 19 euros

luns, 11 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Aínda que dende Microsoft anunciaron que ían centrar o seu negocio móbil en smartphones da familia Lumia, abandonando outras familias avanzadas de Nokia, finalmente sorpréndennos anunciando hoxe o Nokia 130, que presume de ser o teléfono móbil máis asumible capaz de reproducir audio e vídeo a un prezo de só 19 euros.
O Nokia 130 quere así servir de teléfono móbil básico, pero que tamén poidamos empregalo para escoitar música, xa que pode empregarse con auriculares e, ao contar con lector de tarxetas de memoria (soporta microSD de até 32 Gb), permite que carguemos con milleiros de cancións en formato MP3, sendo capaz a súa batería (de 1.020 mAH) de reproducir música até 46 horas seguidas. Tamén integra radio FM e Bluetooth 3.0.
Este móbil chega nunha versión básica que conta cunha autonomía en espera de 36 días, mentres que o seu modelo con dobre SIM aguantaría 26 días en espera. A súa pantalla é de 1,8 polgadas e na súa parte traseira ten tanto un altofalante como un flash (pensado no seu uso como lanterna). O seu peso é de só 68,6 gramos, o seu grosor de 13,9 milímetros e verémolo nas tendas este mesmo trimestre.


Vídeo de presentación do Nokia 130 con dobre SIM

PUBLICIDADE