Nokia 109: un móbil económico que tamén permite conectarse á Rede

venres, 2 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que os smartphones sexan os dispositivos que están a acadar maior atención no mercado móbil, continúan a venderse móbiles máis básicos, que non por seren económicos e sinxelos deixan de permitir gozar do acceso ás nosas redes sociais, como demostra o novo Nokia 109, móbil que vai saír á venda este trimestre por un prezo estimado de 42 dólares (32,70 euros), e que en 110 x 46 x 14,8 milímetros e 77 gramos encerra conectividade 2G (con GPRS e EDGE), pantalla de 1,8 polgadas, interface de usuario S40, sintonizador de radio FM, altofalante, conector de auriculares e espazo para unha tarxeta de memoria microSD de ata 32 Gb.
Non estamos ante un dispositivo con 3G, NFC, carga sen fíos, cámara de varios Mpíxeles... pero que servirá perfectamente para que guste dun móbil para falar e mandar mensaxes de texto e, ocasionalmente, poder acceder a Facebook e Twitter a través das súas respectivas aplicacións. Podemos destacar que este móbil ten unha autonomia de 7,5 horas en conversa e 33 días en espera, o que tamén agradecerá boa parte do público potencial deste tipo de móbiles de prezo reducido.

PUBLICIDADE