Noa Innova lanza unha ambiciosa plataforma dixital de formación para ámbalas beiras do Atlántico

venres, 18 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 566 KB
Rosa Feijoo e José María López Bourio, impulsores de Noa Innova

Noa Innova, empresa tecnolóxica fundada por tres socios en 2011 en Lugo, vén de comezar o ano ano cun importante lanzamento: a posta en marcha dun proxecto global de formación dixital dispoñíbel en noainnova.com e cunha nova plataforma didáctica de formación a distancia (Digital Business School) para España e Iberoamérica. Segundo fan saber os impulsores da empresa, unha das ideas que alentaron o proxecto formativo foi “demostrar que con Internet se poden acadar obxectivos globais nos que non existen fronteiras”. Obxectivo conseguido.
A iniciativa parte de inmellorábeis precedentes: xa conta con importantes clientes en Galicia, Asturias, Cantabria, Castela A Mancha, Castela León, Estremadura e Canarias, formando en liña a mais de 3.000 alumnos anuais. Agora, co novo lanzamento e co novo ano, a estratexia a seguir é abranguer en 2019 todas as Comunidades Autónomas e en 2020 estenderse a Iberoamérica.
A respecto das orixes do proxecto e dos seus porqués, o fundador de Noa Innova, o lucense José María López Bourio, creador de varias startup tecnolóxicas, fai saber que “as empresas deben asumir meirandes responsabilidades á hora de formar aos seus traballadores para aproveitar as vantaxes da dixitalización”. Neste senso, a plataforma Digital Business School posta en marcha por Noa Innova, pretende “modernizar o sector educativo nas empresas, xa que dada a rapidez dos cambios é necesaria unha formación interactiva orientada a fomentar as capacidades aproveitando as vantaxes da tecnoloxía”, explican os responsábeis da empresa, engadindo que “a plataforma funciona 24 horas os 7 días da semana e é apta para dispositivos móbiles”.
Pola súa banda, a administradora de Noa Innova, Rosa Feijoo, sinala que “as empresas que non adopten estratexias dixitais e de formación nesas habilidades dos seus traballadores están condenadas á desaparición”.
Noa Innova conta con máis de 40 colaboradores profesionais en habilidades dixitais provenientes do mundo empresarial, entre os que se contan mentores de alumnado, enxeñeiros, psicólogos, economistas e expertos en comunicación, recursos humanos, mercadotecnia e plans de negocio. O obxectivo común de todos eles é “fomentar a aprendizaxe en liña a través programas formativos innovadores, como os de transformación dixital das empresas e os programas avanzados de talento, cultura e empresa dixital”.
Desde Noa Innova afirman que “a mellor maneira de adaptarse aos rápidos cambios é facilitar a empresas e traballadores ferramentas capacitadoras para a construción e transformación dixital, e todo isto poñendo o foco nas PEME, posto que todos os empregos van sufrir a transformación tecnolóxica e en España hai moito por facer”. Sobre todo, engaden, porque dos 19 millóns de traballadores apenas se forman anualmente 3,5 millóns.

PUBLICIDADE