No último ano reduciuse nun terzo a poboación galega sen cobertura de banda larga

luns, 3 de xaneiro do 2011 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou en rolda de prensa o Plan Director de Banda Larga.En 2010 o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a preto de 250.000 galegos que carecían de cobertura, co que en menos dun ano desde a súa posta en marcha o Plan que está a desenvolver a Xunta a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, reduciu nun terzo a poboación da Comunidade que non dispoñía de acceso á Rede.
Amais, en 2010 conseguiuse posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda estratéxica para a administración (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz…) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.
O Plan, que se presentou o pasado mes de febreiro, contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbsp), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia.
Para levar a cabo as actuacións en marcha ata a data, a Xunta de Galicia está a investir 70 millóns de euros cos que está a mobilizar un orzamento total de 200 millóns de euros entre capital público e privado.
O despregamento de redes sen fíos comezou polas zonas con máis dificultades de acceso, núcleos rurais do sur da provincia de Lugo e a súa contorna. Para iso, a Xunta concedeu o pasado mes de setembro unha orde de subvención ao operador Iberbanda por valor de 600.000 euros que xerará un investimento total de case 2 millóns de euros.
Con este orzamento Iberbanda achegou no 2010 o acceso á banda larga de calidade a máis de 34.000 habitantes de máis de 2.000 núcleos de poboación do sur de Lugo e a súa contorna que non contaban con cobertura.

PUBLICIDADE