Nintendo vende máis de 5 millóns de consolas en decembro nos EE.UU.

venres, 16 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O NPD Group publicou os datos de vendas de xogos e consolas nos EE.UU. no mes de decembro, confirmando a tendencia do mercado que situaba a Nintendo á cabeza do sector tanto en consolas domésticas como nas portátiles, de xeito que sumaría máis de 5 millóns de consolas vendidas na campaña de Nadal, o que serían as súas mellores vendas da historia.
Vemos cómo a Nintendo DS (3.040.000 unidades) triplicou en vendas á PSP (1.020.000 unidades), o que tamén se repite ao contrastar as 726.000 PS3 coas 2.150.000 unidades da Wii que se venderon, e mesmo a Xbox 360 logrou duplicar as vendas da PS3 con 1.440.000 consolas vendidas. Con este panorama queda claro que Sony está a vivir un mal momento para a súa división de lecer electrónico, pois nun mercado tan importante coma o norteamericano (que define en boa medida o catálogo de videoxogos). Amais, os máis de 3 millóns de Nintendo DS que se venderon o pasado decembro racharían o record de vendas que acadara a PlayStation 2 con 2,7 millóns de unidades vendidas en decembro de 2002.
OS datos de NPD tamén reflicten os xogos máis vendidos en decembro e no total do ano, liderando ambas listaxes o Wii Play con 1,46 e 5,28 millóns de unidades respectivamente, aínda que hai que recoñecer que o éxito de Wii Play enmascara o feito de que se merque porque inclúe de regalo un mando adicional para a Wii, polo que non queda moi claro se as súas vendas deban figurar coma un xogo ou coma un accesorio.
A metade dos 10 xogos máis vendidos en decembro corresponderían a títulos para Wii, coma son Wii Play (1), Wii Fit (3), Mario Kart Wii (4), Guitar Hero World Tour (5) e Animal Crossing City Folk(10), mentres que a Xbox 360 logra colocar o Call of Duty: World at War no 2º posto, Gears of War 2 no 6º e Left 4 Dead no 7º. A Nintendo DS pola súa banda logra colocar o Mario Kart DS na 8ª posición e a PS3 faría o propio con Call of Duty: World at War, aínda que cómpre destacar que esta versión do xogo só venden 533.000 unidades fronte aos 1,33 millóns da versión para Xbox 360.
No tocante ás vendas durante todo o ano, os 4 primeiros títulos corresponderían á Wii e superarían cada un os 4 millóns de unidades vendidas, mentres que o 5º en figurar sería o Grand Theft Auto IV para Xbox 360 con 3,29 millóns de copias, seguido de Call of Duty: World at War (2,75 millóns), Gears of War 2 (2,31 millóns), a versión para PS3 do GTA IV (1,89 millóns), Madden NFL 2009 para Xbox 360 (1,87 millóns) e Mario Kart DS para Nintendo DS (1,65 millóns), dando a impresión de que aínda que Nintendo lidere as vendas en número de unidades vendidas, en volume de facturación a Xbox 360 está moi preto (pois os seus xogos son máis caros).

PUBLICIDADE