Nintendo presenta novidades sobre Pokémon

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

No último Pokémon Direct desvelaron hoxe numerosos detalles sobre os xogos de Pokémon para 2020, entre os que destacan especialmente dous: os pases de expansión de Pokémon Espada e Pokémon Escudo e o xogo Pokémon Mundo Misterioso: Equipo de Rescate DX para Nintendo Switch.

Que as grandes entregas de Pokémon para Nintendo Switch, Escudo e Espada vaian contar con pase de expansión é un curioso xeito de continuar enriquecendo estes títulos sen lanzar secuelas, como teñen feito en edicións anteriores. Estes pases de expansión poden mercarse por 29,99 euros e inclúen novas historias e Pokémon por descubrir, así como novas áreas silvestres que explorar. Tamén permitirán atopar Pokémon lendarios (tanto novos como xa coñecidos). Estes pases inclúen dúas expansións que chegarán respectivamente no verán e no outono.

Máis cedo, o vindeiro 6 de marzo, sairá á venda para Nintendo Switch o xogo Pokémon Mundo Misterioso: Equipo de Rescate DX, que convidaranos a explorar un precioso mundo reimaxinado, crear un grupo de rescate partindo de Pikachu, Eevee e Charmander e afrontar misións para salvar a Pokémon en territorios xerados aleatoriamente. Este xogo xa conta cunha versión de proba dispoñible na Nintendo eShope, de xeito que os interesados xa poden coñecer o que ofrecerá este título que como curiosidade non fai que o xogador encarne a un adestrador humano, senón que adoptará a forma dun Pokémon.

En Pokémon Mundo Misterioso: Equipo de Rescate DX adoptaremos o rol dun Pokémon

Vídeo co Pokémon Direct de hoxe

PUBLICIDADE