Nintendo podería estar a preparar novas versións da Switch

venres, 9 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Durante o mes pasado presentáronse a Nintendo Switch Lite e unha revisión da Nintendo Switch que melloraría a súa autonomía, que chegarán ao mercado en setembro, e que previsiblemente terán unhas fortes vendas na campaña de Nadal, pero dende The Wall Street Journal dan a entender que isto só é o principio do lanzamento de toda unha serie de novas consolas Switch de Nintendo.
O diario estadounidense asegura que as novas Switch contarán con pantallas IGZO fabricadas por Sharp e, aínda que a Switch Lite está confirmado que terá unha pantalla de 720p, deixan caer que hai rumores dun futuro modelo de Switch que, grazas a ter máis potencia, podería traballar en mobilidade cunha pantalla de maior resolución (Full HD), o que suporía un interesante cambio.
Non se espera que Nintendo lance máis modelos de Switch dos anunciados antes do remate do ano (xa que os novos modelos cando venderán realmente ben será a finais de novembro e ao longo de decembro) pero a compañía nipoa estaría a traballar en numerosas actualizacións da súa consola para poder incrementar a vida desta xeración de consolas que está a funcionar tan ben, e que podería consolidarse co inminente lanzamento dun grande xogo da serie Pokémon.

PUBLICIDADE