Nintendo bloquea vídeos de YouTube que fan uso da súa música

mércores, 21 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos días está a causar certo rebumbio o feito de que varias canles de YouTube recibisen unha reclamación de Nintendo por violación de dereitos de autor, xa que tratábanse de canles nas que a meirande parte dos seus contidos eran precisamente músicas dos seus xogos.
A reclamación de Nintendo é totalmente lexítima, pero até o momento a compañía non actuara con tanta virulencia, levando a que algunhas destas canles eliminen todos os vídeos con música de Nintendo ou incluso cheguen a pechar as canles por completo, por carecer de sentido sen tal música ou simplemente ante as dificultades de manexar a cantidade de reclamacións recibidas.
Pero estas accións están a ter unha cara B: numerosos usuarios están a protestar pola eliminación da música de YouTube pola falta de alternativa para escoitar os temas musicais de Nintendo. Ou sexa, que estarían a instar a Nintendo a seguir os pasos doutros selos do sector, e que publiquen en plataformas como Spotify as bandas sonoras dos seus xogos, para facilitar a reprodución legal da súa música.

PUBLICIDADE