Nintendo anuncia unha renovación da súa consola portátil

xoves, 2 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Satoru Iwata presentou a Nintendo DSi no Xapón

Pese a que Nintendo negaba os rumores sobre unha nova revisión da súa consola portátil, finalmente a empresa nipona deu unha rolda de prensa para presentar unha nova DS Lite que inclúe cámara e outras prestacións bastante interesantes, que poden axudar a revitalizar á consola portátil de máis éxito na actualidade.
A Nintendo DSi presenta un deseño moi semellante ao das súas irmás pequenas, aínda que externamente se percibe que conta con pantallas de máis tamaño, cámara de 3 Mpíxeles e prescinde da fenda para xogos de Gameboy Advance (o que lle permitiu reducir lixeiramente o seu grosor) para incluír un lector de tarxetas SD.
A nova consola comezará a venderse no Xapón o 1 de novembro a 18.900 iens (2.100 iens máis que a DS Lite) polo que poderiamos agardar que cando chegue a Europa na primavera de 2009 podería custar 159,95 euros (ou sexa, 10 euros máis que o modelo actual).

Pero o hardware podería ser o cambio menos importante desta consola portátil, xa que incorpora un navegador web de serie (para acceder á Rede por Wi-Fi sen precisar de adquirir o cartucho co Opera por separado) e acceso á nova DSi Shop, unha tenda de descargas que funcionará con Nintendo Points (que antes se coñecían coma Wii Points).
Volvendo ao hardware da consola hai que entender que a cámara garda as súas imaxes en tarxetas SD, aínda que tamén as pode exportar directamente ao Wii Photo Channel, resultando tamén moi útil a lectura de tarxetas SD para a reprodución multimedia (soporta audio en MP3 e AAC), xa que a nova consola mellora substancialmente as súas capacidades sonoras.
Cómpre destacar que aparte da cámara externa (pensada para sacar fotografías) a consolas portátil tamén inclúe unha cámara interna na bisagra que separa as súas dúas pantallas (e onde antes estaba o micrófono da DS Lite).
As pantallas da consola pasan de 3 a 3,25 polgadas, o seu peso redúcese 4 gramos (quedando en 214), o seu tempo de carga se reduce de 3 a 2 horas e media e a súa autonomía se reduce lixeiramente (oscilaba entre as 5 e 19 horas e agora queda entre 3 e 14 horas, segundo o brillo das súas pantallas).
Aínda que esta revisión da DS pareza incorporar moitas novidades, non lle faltan detractores pois a redución da autonomía e a perda do porto para cartuchos de GBA é algo que prexudica a algúns xogadores (limitando o catálogo de xogos ou facendo prescindir de opcións como a vibración), mentres que o resto de incorporacións poderían considerarse bastante superfluas (xa existían métodos para utilizar a DS coma reprodutor multimedia, e a cámara hoxe en día non parece unha decisión moi atinada se temos en conta que a xente, incluíndo os nenos, xa a ten no móbil). Comparar a DS Lite coa DSi é así unha labor moi subxectiva.


Vídeo no que se resumen as novidades que chegarán para a Nintendo DSi nos vindeiros meses