Nintendo, Sony e Xbox non participarán directamente no E3

martes, 31 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A feira de videoxogos de referencia mundial foi durante moitos anos o E3 de Las Vegas, pero as restricións sanitarias por mor da COVID-19 provocou que non puidese celebrarse presencialmente, estando previsto o seu retorno ao formato tradicional no mes de xuño, pero este retorno podería ser bastante decepcionante, xa que o sector adaptouse a novos formatos de comunicación, de xeito que o E3 2023 sería moito menos relevante que a edición de 2019.
Dende IGN aseguran que Microsoft (Xbox), Sony e Nintendo non estarán presentes no Centro de Convencións de Los Angeles, ou sexa, que as principais compañías do sector dos videoxogos tradicionais, pese a que poidan reservar presentacións para esas datas, non terán un espazo de seu no E3, restando peso á cita do vindeiro verán.
Se ben era habitual que Nintendo non realizase grandes presentacións no E3 (xa que adoptou, con moito éxito, os Nintendo Direct como xeito de comunicar as súas novidades), aínda que si mantiña un expositor no evento (que aseguran que non manterá); nos últimos anos Sony tampouco tiña unha presenza importante (xa que carecía de grandes anuncios que realizar por estar nun período de transición entre xeracións de consolas); pero Xbox si que apostaba bastante forte pola feira E3, e o feito de que non vaian contar cun espazo físico no centro de convencións parece confirmar que os eventos presenciais xa non xogan o rol que tiñan no pasado.
Non podemos esquecer que Sony e Nintendo son compañías nipoas, polo que o seu sería apostar polo Tokyo Game Show, mentres que Xbox aposta polo E3 (EE.UU.) e a Game Convention (Europa), de aí que a ausencia de Microsoft no E3 tería un impacto moi importante, especialmente se temos en conta que a compañía ten prevista unha grande presentación no verán na que darían conta de bastante novidades, ou sexa, que acompañarían ao E3 sen participar directamente.

PUBLICIDADE