Ninja Gaiden II terá un remake para PlayStation 3 no outono

martes, 17 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O pasado verán chegou ás tendas Ninja Gaiden II como o título para Xbox 360 que poría fin a esta lonxeva franquía, e tras superar o millón de copias en apenas 2 meses quedaba claro que era todo un éxito, pois estaba a comercializarse en exclusiva para a consola de Microsoft, pero agora dende o Team Ninja de Tecmo confirman que no outono adaptarán este xogo para a PlayStation 3, aínda que cun pequeno cambio de nome para respectar a exclusiva anterior, chamándose Ninja Gaiden Σ 2.
Este remake seguiría os pasos do anterior Ninja Gaiden para Xbox, que tamén contou cunha adaptación Sigma para a consola de Sony, que tiña coma principal diferenza a incorporación do personaxe xogable Rachel, que non sabemos se tamén aparecerá nesta nova versión.
Resulta sorprendente o desenvolvemento deste novo xogo porque o creador da saga, Tomonubu Itagaki, deixou o Team Ninja despois de que a compañía non cumprise co seu compromiso de pago dunhas primas por entregar o Ninja Gaiden II nun prazo de tempo marcado (levando a Itagaki a esixir 164 millóns de iens en concepto de danos e prexuízos). Ponse agora en cuestión que a saga de Ninja Gaiden estea morta, pois a promesa de que Ninja Gaiden II é o título final podería non respectarse.

PUBLICIDADE