Nikon presenta unha nova cámara con zoom óptico de 60x

luns, 10 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Nikon non quere deixar sen competencia á LUMIX DMC-FZ70 de Panasonic, e anuncia a súa nova cámara COOLPIX P600, que inclúe un obxectivo cun zoom óptico de 60 aumentos, conseguindo un certo equilibro entre un corpo de tamaño reducido e un zoom de grande potencia, que grazas a un sensor CMOS retroiluminado de 16,1 Mpíxeles permite capturar imaxes de impresión incluso en condicións de pouca luz.
O obxectivo NIKKOR desta nova cámara cubre un rango entre 24 e 1.440 milímetros e dispón dun cristal Super ED para lograr unha calidade de imaxe excepcional; a Nikon COOLPIX P600 conta cunha grande pantalla LCD abatible e función de redución de vibracións de desprazamento de lente avanzada (especialmente útil cando facemos uso do seu impresionante zoom), conexión Wi-Fi para que sexa doado enviar imaxes directamente a un smartphone ou tablet para poder compartilas axilmente a través da Internet, modo de disparo continuo de ata 7 disparos por segundo para poder capturar figuras en movemento, gravación de vídeo Full HD ata a 60 imaxes por segundo (en entrelazado) e un prezo de venda que a finais de mes nos EE.UU. será de 500 dólares (o prezo europeo aínda non foi comunicado por Nikon).


A nova cámara vista en vídeo

PUBLICIDADE