Nieves Brisaboa, catedrática da UDC, recibe o Premio Nacional de Informática
mércores, 6 de novembro do 2019
A
profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC (UDC),
Nieves
R. Brisaboa, recolleu este martes 5 en Madrid o Premio Nacional de
Informática Ángela Ruíz Robles, que conceden a Sociedade
Científica de España e maila Fundación BBVA. Ao acto de
entrega do premio asistiron o reitor, Julio Abalde, o vicerreitor de
Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya,
o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, e outros
profesores deste centro.
O
xurado enxalzou novamente o traballo de Brisaboa, que “permitiu a
creación da Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda
Galicia, na que poden verse textos de todos os autores, así como
acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa
obra”.
O
xurado salientou tamén as contribucións da investigadora galega en
materia de xestión de datos, “así como as súas iniciativas nos
eidos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e
institucións públicas, ademais da creación de empresas de base
tecnolóxica”.
O
laboratorio da UDC
En
1996 Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas
Informáticos da UDC, creou o Laboratorio de Bases de Datos da
Universidade da Coruña, e hoxe en día os integrantes do devandito
grupo son os encargados das materias de bases de información do
centro e todo o seu labor de investigación localízase na área da
xestión do coñecemento. Segundo explica a propia Brisaboa, “a
área de xestión de datos fai referencia a todo o relativo ao
procesamento de datos: a súa adquisición, o almacenamento, a
limpeza, a súa preparación para ser analizado, a súa explotación,
a súa visualización... É unha área que estivo sempre omnipresente
na informática”.
No
seu laboratorio traballan en investigación básica, desenvolvendo
estruturas de datos e algoritmos eficientes para o seu procesamento,
e máis en investigación aplicada, creando sistemas de información
complexos como datos espazo-temporais.
Entre
as aplicacións finais materializadas polo seu laboratorio atópase a
Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na
que, segundo indica a propia Brisaboa, “poden verse textos de
todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que
aparece o autor lendo a súa obra”. Outro exemplo que está en uso
é o sistema de información territorial da Deputación da Coruña,
que desenvolven no seu laboratorio desde o ano 2000. Como explica a
catedrática premiada: “Represéntanse todas as infraestruturas e
equipamentos da provincia, e o nivel de detalle é enorme: podes ver
o diámetro de cada condución de auga da provincia da Coruña”.