New Space alenta á nosa industria aeroespacial a converterse nunha potencia

xoves, 29 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O ministro Pedro Duque falando cos asistentes por videoconferencia

Hoxe en Vigo déronse novos e importantes chanzos nun proceso que non é exactamente novo, pero si recente: a democratización do espazo. Estamos a falar do evento New Space España 2018, unha xuntanza das principais empresas e entidades do sector aeroespacial español que non se celebrou en Vigo por casualidade: a cidade pode gabarse ante o mundo de ser xa un referente nos novos xeitos de albiscar o firmamento e exploralo con tecnoloxías novas, de feito foi de Vigo de onde ascendeu ao espazo o primeiro nanosatélite enviado dende a contorna estatal, o Xatcobeo.
A cita foi na sede de Afundación, na rúa Policarpo Sanz, e veu da man de Alén Space, o CINAE e Universidade de Vigo, co patrocinio de ABANCA, Alter Technology Group, Arrow Electronics, Everis, GAIN (Axencia Galega de Innovación) e Wind One Advisors.
A xornada acubillou unha serie de puntos álxidos de gran impacto, como por exemplo a presenza, por videoconferencia dende Bruxelas, do actual ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, quen compartiu cos asistentes a súa ampla bagaxe como profesional do sector espacial español e europeo, un ámbito de actividade para o que tivo palabras de louvanza: “As oportunidades de negocio no eido aeroespacial están a gañar en importancia e aí España está a facelo ben”. Pedro Duque fixo fincapé en que “na última década, as empresas estatais do espazo duplicaron a súa facturación global”, que en 2017 foi de máis de 850 millóns de euros, con máis de 3.500 profesionais altamente cualificados.
Amais da intervención do ministro, New Space España acubillou relatorios e mesas redondas, a través das cales fíxose un repaso dos desafíos que encara o sector, amais de servir para presentar os proxectos de fabricantes galegos de nanosatélites (os da spin-off da nosa terra Alén Space), de lanzadores (PLD Space) e de compoñentes para satélites (cámaras no caso de Satlantis e paneis solares por parte de DHV Technology).
O congreso tamén contou co punto de vista de grandes empresas e institucións relacionadas co sector espacial: Alter Technology Group, CDTi (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), CINAE, Deimos Space, Enisa, ESA (Axencia Espacial Europea), Everis, GAIN (Axencia Galega de Innovación), GMV, Hisdesat, INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), JME Venture Capital, PAE (Plataforma Tecnolóxica Aeroespacial Española), Thales Alenia Space e Universidade de Vigo.
Aarón Nercellas, co-fundador de Alén Space, sinalou na apertura do evento que o novo sector de puxantes empresas que poñen o foco no firmamento e nas súas posibilidades de comunicación e investigación, o que se coñece como empresas do new space, constitúe en si mesmo “unha revolución”, con firmas de pequeno e mediano tamaño tamaño e organizacións accedendo ao espazo, “algo antes prohibitivo” polos seus elevados custes. Segundo fixo saber, o que hai por riba das nubes é unha contorna de gran interese para o impulso do noso talento, e “temos capacidades de abondo para sermos protagonistas neste sector”. Nese punto de vista incidiu tamén o director executivo de Alén Space, Guillermo Lamelas: “Agora ábrese o mercado a unha chea de empresas e organizacións que xa non o ven como algo inaccesíbel. Falamos dun subsector que ten moito sentido a nivel estratéxico para España”.
Fernando Aguado, xefe de proxectos aeroespaciais de CINAE e director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, asegurou na xornada de hoxe que Galicia é “un polo no sector espacial estatal, que inclúe á Universidade, a CINAE e a empresas como Alén Space”. Tanto Fernando Aguado como Guillermo Lamelas salientaron o inminente lanzamento do nanosatélite Lume-1, previsto para o 25 de decembro, dentro do proxecto europeo Fire-RS, para a detección temperá de incendios forestais.
Pola súa banda, Eider Ocerin, directora de desenvolvemento de negocio de Satlantis, fixo un chamamento para a creación dunha axencia espacial española. “Trataríase”, dixo, “dunha maneira de impulsar a industria aeroespacial” que ademais abriría importantes oportunidades para “traballar nun marco xurídico e unha lei espacial específica para o sector”, segundo engadiu Raúl Verdú, co-fundador de PLD Space. Sobre o vieiro de crear unha asociación de empresas relacionadas co new space, Miguel Ángel Vázquez, co-fundador de DHV Technology, comentou que “sería unha idea interesante, para ter unha voz que nos agrupe, algo que pode xerar novas oportunidades”. Pola súa banda, Demetrio López, director de innovación de Alter Technology Group, asegurou que “aquí temos agora a oportunidade de ser protagonistas no espazo, e non actores secundarios”.

PUBLICIDADE