Neutrogena patrocinará o vlog de LonelyGirl15

venres, 22 de xuño do 2007 Marcus Fernández

JPEG - 25.9 KB
Jessica Lee Rose recollendo ó premio Webby á Mellor Actriz

A actriz Jessica Lee Rose é moi popular na Rede por interpretar a Bree (tamén coñecida coma LonelyGirl15) nun videoblog no que se finxía que o personaxe protagonista era real (ata que se descubriu que era un personaxe ficticio, o que ocasionou bastante rebumbio) e que causou tanta sensación (superou os 11 millóns de visualización en YouTube) que mesmo converteu a Jessica Lee na primeira gañadora do Webby á Mellor Actriz.
Pero como de premios non se vive, os produtores do videoblog parece que atoparon un xeito perfecto de financiar as súas actividades, pois pecharon un acordo coa empresa de coidado da pel Neutrogena, de xeito incorporarán ós vídeos un novo personaxe, un científico que traballaría para a empresa, e que axudaría a Bree a localizar a un amigo secuestrado.
Este tipo de promoción nun vlog non ten precedentes, e sería un expoñente do traspaso do investimento publicitario da televisión á Rede, indo moito máis aló do tradicional product placement. Dende Neutrogena atoparon interesante investir no vlog de Jessica L. Rose porque atrae a un público mozo, ou sexa, ós seus clientes potenciais, polo que agardan que os afeccionados saiban apreciar este xeito de colaboración entre a empresa cosmética e os creadores deste éxito da Internet.

PUBLICIDADE