Neuralink consegue que un mono xogue ao Pong coa mente

venres, 9 de abril do 2021 Marcus Fernández

O ano pasado a empresa fundada por Elon Musk, Neuralink, presentou os seus implantes cerebrais que buscan poder servir de interfaces cerebro-máquina, para que no futuro poidamos realizar accións directamente coa mente, e que inicialmente probaron con porcos.
O proxecto segue a avanzar, e para demostralo publicaron un artigo no seu blog dando conta do que chaman Monkey MindPong, ou sexa, que conseguiron que un mono puidese xogar ao clásico videoxogo Pong directamente coa mente, para o que primeiro adestrárono cun mando físico para recoñecer os pensamentos cos que o mono movía os obxectos en pantalla, para que unha vez eliminado o mando o control puidese realizarse directamente a través das reaccións rexistradas polo seu implante cerebral.
O primeiro obxectivo de Neuralink con esta tecnoloxía é facilitar que unha persoa con parálise sexa capaz de manexar un smartphone coa mente máis rápido que outra persoa empregando os polgares, o que sería un avance realmente visible desta tecnoloxía que dificilmente atopará rexeitamento social, mentres que para usos para a poboación xeral son moitas as dúbidas, especialmente no que respecta á seguridade. En calquera caso o que Neuralink está a conseguir é dar visibilidade a un campo da innovación tecnolóxica que en poucos anos podería gañar moito peso ao comezar a lanzar produtos comerciais que poden revolucionar a vida de moitas persoas.

Vídeo no que podemos ver o experimento de Neuralink cun mono

PUBLICIDADE