Netun proporciona a Vodafone o seu revolucionario dispositivo IoT de seguridade na estrada
mércores, 2 de xuño do 2021
A
operadora Vodafone vén de acadar un acordo coa empresa galega Netun
Solutions, con sede en Nigrán (Porto do Molle), para achegar
aos seus clientes a conectividade e a seguridade na estrada que
proporciona o dispositivo Help Flash IoT desenvolvido pola firma da
nosa terra. Esta tecnoloxía, segundo salienta Vodafone, é o
substituto intelixente e conectado dos tradicionais triángulos de
emerxencia na estrada. Terá un mercado potencial de máis de 30
millóns de vehículos só en España.
Segundo
engade a operadora, Help Flash IoT é un dispositivo V16 que grazas á
súa conexión á DXT 3.0 achega un extra de seguridade nos
desprazamentos, reduce os tempos de espera en caso de emerxencia e
cumpre todos os requisitos para ser o substituto do tradicional
triángulo, a partir de xullo de 2021, e das balizas analóxicas, a
partir de xaneiro de 2026.
Máis
en detalle, Help Flash IoT é unha baliza luminosa que integra
tecnoloxía NB-IoT (Narrow-Band ou banda estreita de Internet
das Cousas) e que, en caso de emerxencia, conectarase automaticamente
aos centros de control de tráfico grazas á extensa cobertura da
rede global de Vodafone en España. “Isto supón unha importante
novidade en canto a seguridade viaria, xa que axudará a reducir a
mortalidade en caso de accidentes, conectando persoas, estradas e
máquinas; achegará seguridade e tranquilidade nos desprazamentos; e
reducirá os tempos de resposta en caso de emerxencia”, explica a
operadora.
A
alianza entre Netun Solutions e Vodafone chega tras a aprobación do
Real Decreto de auxilio en vías públicas que obrigará a que todos
os vehículos leven un destes dispositivos, coa novidade de que estes
deberán conectarse automaticamente coa plataforma denominada DXT
3.0. Esta plataforma, en palabras da compañía de telecomunicacións
“unha das máis avanzadas e pioneiras de Europa”, é un
ecosistema de comunicación que a Dirección Xeral de Tráfico creou
para un maior control e xestión de todos os activos que nalgún
momento fan uso da rede viaria (condutores, guindastres, transportes,
obras, etc.). Esta regulación terá un período transitorio de 4
anos no que convivirán esta solución e as anteriores, até o mes de
xaneiro de 2026 data na que o dispositivo IoT será obrigatorio.
A
rede NB-IoT de Vodafone
Grazas
a este acordo, explica Vodafone, “os cidadáns terán acceso á
maior rede NB-IoT do mercado, con cobertura en toda a xeografía
española”.
A
rede NB-IoT de Vodafone permite manter un dispositivo conectado
durante toda a vida útil do mesmo unicamente coa batería interna,
proporcionando ademais a denominada “cobertura profunda” que
permite operar con normalidade en escenarios de escasa cobertura.
“Trátase de ofrecer aos usuarios a mellor rede dispoñíbel en
calquera contorna, para que, en caso de emerxencia, estea garantido
funcionamento do dispositivo”, engade a compañía.
Carlos
Conde, director de Estratexia Dixital de Netun Solutions asegurou que
“como responsábel do negocio dixital tiven claro desde o primeiro
momento que o partner axeitado era Vodafone por múltiples
motivos, por exemplo a súa posición de liderado na área de IoT,
que é indiscutíbel, cunha cobertura actual moi superior ao resto de
operadoras e moi adecuada aos intereses de Netun e aos requisitos
esixidos polo novo Real Decreto. Ademais, como líderes en seguridade
viaria, buscabamos unha compañía á altura das nosas expectativas e
sen dúbida Vodafone cumpre con creces este requisito”.
E
engade Daniel Jiménez, director xeral de Vodafone Business: “Para
nós, como líderes no segmento IoT no mercado español con máis de
3,2 millóns de liñas de Internet das Cousas, é unha gran
satisfacción achegar esta tecnoloxía de conectividade inmediata á
sociedade nun ámbito tan importante como é a seguridade viaria e
cunha proposta radicalmente distinta a todo o que había no mercado
da man de Netun Solutions”.