Netun impulsará as súas tecnoloxías de seguridade na estrada dende o Porto de Molle

luns, 8 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega Netun Solutions, responsábel do lanzamento hai dous anos dun revolucionario dispositivo destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías, vén de asinar un acordo co Consorcio da Zona Franca para establecerse no Porto de Molle, máis concretamente na nave 6A do dito espazo de emprendemento, onde contará para a súa actividade cunha superficie de 1.150 m2 que lle permitirá consolidarse como referente en tecnoloxías de seguridade para a estrada. O acordo para o aluguer da nave foi asinado polo delegado David Regades e máis co conselleiro de Netun, Jorge Torre. A empresa, como lembraremos, participou na cuarta edición da aceleradora ViaGalicia, o que lle valeu o apoio do Consorcio.
O delegado mostrou a súa satisfacción pola sinatura do contrato e aproveitou para felicitar aos directivos da startup, “xa que esta empresa viguesa nacida en ViaGalicia”, dixo, “converteuse en líder a nivel estatal”. E engadiu: “Trátase de que as boas ideas cheguen a ser realidades e esta é unha delas. As institucións públicas debemos apoiar aos emprendedores para que estes, unha vez transformadas as súas iniciativas en PEME e consolidadas como empresas, poidan xerar emprego”. Regades tamén salientou o feito de que Netun, en pouco tempo, pasase de ocupar unha pequena oficina a unha nave de máis de 1.000 m2 na que se atoparán traballando doce persoas.
Dende setembro de 2016
En setembro de 2016, a empresa Netun Solutions comezou a xerar expectación no mercado estatal cun dispositivo de seu destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías. A firma, que daquela collía impulso no centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura (Galicia Open Future), adquiriu plena repercusión cunha baliza luminosa de sinalización de emerxencias chamada Help-Flash, cuxa principal vantaxe (á hora de colocar os obrigatorios triángulos de sinalización de avarías) reside na redución do tempo da manobra de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser de 30 segundos. Posteriormente, xa metidos en 2017, Netun deu o chimpo ao mercado de EE UU e incorporou nas súas fileiras a Lucía Gregorio, até ese intre directora xeral da asociación de empresas tecnolóxico-dixitais Ineo.
Para dar aínda máis pulo a esta proxección internacional da dita tecnoloxía, que inclúe entre as súas vantaxes a de evitarnos ter que saír do noso coche para colocar o propio aparello (o dispositivo adhírese ao teito do coche, sen necesidade de saír del, e actívase de maneira automática), Netun presentou o seu enxeño no SEMA Show de Las Vegas, o meirande evento mundial de produtos especializados para o motor.
Ao longo do seu frutífero tempo de vida, obtivo importantes recoñecementos como o III Premio Emprendedores e Seguridade Viaria da Fundación Línea Directa e o Premio de Galería da Innovación na Feira Internacional Motortec-Automechanika. Ademais, foi o gañador da IV edición de #Insurtechtalks de Axa Seguros.


PUBLICIDADE