Netgear lanza unha nova solución Wi-Fi mesh

luns, 14 de outubro do 2019 Marcus Fernández

As redes Wi-Fi tipo malla están a converterse na mellor solución para gozar dunha boa conectividade á Rede en moitos fogares, con Netgear como un dos grandes fabricantes de referencia, especialmente coa súa liña de produtos Orbi, que vén de renovarse coa incorporación dunha nova solución Wi-Fi mesh de dobre banda, que consiste nun router Wi-Fi ao que poden engadirse varios satélites para mellorar a cobertura doméstica.
Estes novos produtos non supoñen unha mellora con respecto a anteriores modelos, senón que simplemente adoptan un novo factor forma bastante orixinal, que fuxe do formato vertical previo, e pretende así casar mellor coa decoración doméstica.
Estes trebellos poden conseguir velocidades conxuntas a través de Wi-Fi de até 1,2 Gbps, o que é máis que dabondo para a meirande parte de fogares, podendo controlarse esta rede a través de aplicacións móbiles ou incluso mediante ordes de voz (o sistema é compatible co asistente de Google e con Alexa).
Esta nova proposta de Netgear aposta por un prezo máis axustado, de feito que o sistema RBK13, que inclúe un router e 2 satélites, sae á venda nos EE.UU. a un prezo de 229,99 dólares (209 euros), o que é un prezo bastante axustado para a liña Orbi, aínda que cómpre advertir que fabricantes como TP-LINK ofrecen unha solución semellante por 135,70 euros, polo que enténdese que os consumidores que optar pola solución de Netgear confían especialmente na marca.

PUBLICIDADE