Netflix subirá os seus prezos en España

xoves, 5 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A plataforma de vídeo baixo demanda de referencia a nivel mundial, Netflix, anunciou hoxe unha suba de prezos nos EE.UU. que curiosamente realizarase na mesma proporción en España, o que suporá que os usuarios que teñan a tarifa estándar (que permite até 2 streams simultáneos en Full HD) pasará a pagar de 9,99 a 10,99 euros e os que teñen a tarifa premium (que permite até 4 streams simultáneos en 4K) pasará de 11,99 a 13,99 euros. Os usuarios que se conforman coa tarifa básica (que só permite reproducións simultáneas e limita a calidade a definición estándar) manterán o prezo en 7,99 euros.
Os clientes actuais de Netflix recibirán unha notificación nos vindeiros 3 meses na que se lles informará dos cambios de prezo, anticipándose á súa aplicación ao mes seguinte.
Dado o inmenso catálogo de Netflix e as súas continuas novidades non parece que este cambio de prezos vaia ter un impacto negativo no número de subscritores, aínda que podería supor un interesante cambio no mercado, xa que o resto de competidores de Netflix non o terán tan doado para mudar os seus prezo, polo que prevese que teremos un escenario máis variado que até o momento, xa que a barreira psicolóxica dos 10 euros/mes é bastante difícil de superar e podería frear a captación de clientes para case calquera plan de subscrición de contidos dixitais (lembremos que incluso servizos consagrados como Spotify manteñen o seu prezo nos 9,99 euros/mes).

PUBLICIDADE