Netflix lidera amplamente o vídeo baixo demanda de pagamento en España

venres, 30 de decembro do 2022 Marcus Fernández

A consultora Barlovento Comunicación vén de publicar un informe sobre a situación do mercado da televisión de pagamento e as plataformas de vídeo baixo demanda en España, así como as tendencias destas plataformas, para o que realizaron 7.500 entrevistas distribuídas en tres ondas ao longo do ano.
Entre os datos que reflicte o informe destaca que o 81,8% dos españois teñen acceso a contidos de pagamento (o que supón un crecemento do 2,4%) e de media cada fogar tería acceso a 2,8 plataformas, sendo as de maior cota de consumo Netflix (33,1%), Amazon Prime Video (18,1%) e Movistar (11,1%). No que se refire ao alcance, Netflix mantense en cabeza ao chegar ao 56,9% da poboación española, mentres que HBO Max conseguiu medrar até chegar ao 26,8% dos fogares, logrando adiantar a Disney+. Curiosamente as plataformas que veñen de canles consolidadas na TDT non conseguen callar, e Atresplayer Premium queda cun simbólico 3,1% de alcance.
Barlovento estima que cada español gasta de media preto de 39 euros/mes en plataformas de vídeo baixo demanda, destacando que o 56,5% dos usuarios usan o móbil mentres ven a televisión, e tamén a terceira parte fan uso do televisor para consumir contidos de YouTube.
Como curiosidade, agora que se comenta que Netflix vai tomar medidas contras as contas compartidas ilegalmente, o 61% dos consultados con acceso a Netflix aseguran ter unha conta compartida e a maioría finalizarían a súa subscrición en caso de que prohibisen tal práctica.

PUBLICIDADE