Netflix contará a historia de Spotify nunha serie

xoves, 12 de decembro do 2019 Marcus Fernández

A historia das compañías tecnolóxicas pode resultar moi interesante a nivel audiovisual, como teñen demostrado as producións centradas en compañías como Apple e Facebook, e agora é a quenda de Spotify, xa que Netflix vén de anunciar que que Yellow Bird UK está a traballar nunha serie inspirada no libro Spotify Untold no que se conta a historia da empresa sueca que revolucionou a industria musical nun momento no que a piratería estaba a provocar unha profunda crise no sector.

Daniel Ek, cofundador de Spotify

Daniel Ek e Martin Lorentzon ousaron ofrecer ao mundo unha plataforma de streaming musical que incluso permite escoitar música de balde, o que democratizou o acceso á música a toda clase de público, pero tamén supuxo un grande cambio para os artistas, que teñen moito máis doado chegar así a un público global.
Dende Yellow Bird recoñecen que é todo un reto contar a historia de Spotify, porque non falamos só dunha empresa tecnolóxica que transformou o mercado musical, senón que tamén hai que narrar a loita duns emprendedores para conseguir relevancia económica e cultural nun mundo globalizado e dixitalizado. Amais tamén hai que ter en conta que a historia de Spotify aínda está lonxe de rematar, e móvese con grande velocidade, polo que resulta complexo retratar esta historia dun xeito completo.

PUBLICIDADE