Netflix chega a máis de 2 millóns de fogares españois

venres, 16 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia dá conta hoxe de datos extraídos do Panel de Fogares CNMC relativo ao segundo trimestre de 2018, que recolle que 1 de cada 3 fogares conectados á Internet usan plataformas de pagamento para ver contidos audiovisuais en liña, dos que 2,2 millóns corresponderían a Movistar+, 2 millóns a Netflix, 950.000 a Vodafone TV Online e 741.000 a Orange TV. Cómpre matizar que non son cantidades illadas, pois hai fogares que acceden a varias das plataformas audiovisuais á vez, sendo posible que un mesmo consumidor sexa, por exemplo, usuario de Vodafone TV Online, Netflix, Amazon Prime Video (que chega a 656.000 fogares) e HBO (a 475.000).

JPEG - 28.4 KB
Netflix, pese a ser unha plataforma relativamente nova e de fóra consegue achegarse en penetración á plataforma audiovisual en liña de Movistar

O feito de que Netflix supere os 2 millóns de fogares en España é todo un fito para a compañía, que confirma a súa consolidación en España e incluso está a ter cada vez máis peso á hora de producir contidos audiovisuais no noso territorio, tanto con películas e series exclusivas como en coproducións (como é o caso de Fariña ou de O Sabor das Margaridas, que tras a súa emisión tradicional na TDT ábrense ao mundo a través da Rede).
Estes cambios nos hábitos de consumo non afectan só as contidos de pagamento, senón que tamén en aberto teñen cada vez máis impacto plataformas de vídeo á carta como YouTube (empregado polo 55% dos usuarios), Atresplayer (35%) ou Rtve.es (30%).

PUBLICIDADE