Netflix baixa de prezo en varios países latinoamericanos

venres, 17 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Tras anunciar novas medidas contra as contas compartidas nuns poucos países (entre os que figura España), Netflix puido ver como os usuarios se rebelaban no que podería converterse en baixas masivas por usuarios que consideraban que de non poder compartir contas a tarifa mensual resultaba excesiva (xunto con moitos que se sentiron ofendidos polo xeito de proceder da compañía, que era a que incitaba aos usuarios a compartir contas), o que puido notarse en redes sociais baixo o cancelo #AdiósNetflix.
Semella que a compañía de Reed Hastings non soubo medir ben a reacción dos usuarios, guiándose principalmente pola imaxe que quería transmitir aos seus investidores, e ante o que podería pasar sorprende anunciando baixada de prezos en varios países latinoamericanos. Por exemplo, o plan estándar en Bolivia, Cuba, Venezuela, Nicaragua e Paraguai baixa de 10,99 a 5,99 dólares; en El Salvador, República Dominicana, Honduras, Ecuador e Guatemala baixaría tamén de 10,99 dólares a 7,99 dólares; e en Panamá o prezo baixaría de 12,99 dólares a 8,99 dólares.
Polo momento non sabemos se acontecerá algo semellante en España, pero de ser así sería unha decisión bastante rechamante, xa que levamos anos con subas constantes do prezo do servizo (en 2017 o plan estándar pasou de 9,99 a 10,99 euros/mes; en 2019 subiu até os 11,99 euros/mes; e en 2021 elevou o prezo até os 12,99 euros/mes) até chegar a unha situación de que ver Netflix en 4K custa máis que contratar xuntos 3 dos seus servizos competidores que tamén ofrecen vídeo en 4K, algo que as últimas polémicas fixo moi visible, podendo prexudicar moito a percepción do valor do servizo.

PUBLICIDADE