Neil Young recorre ao micromecenado para facer realidade o seu reprodutor musical

luns, 10 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Para “restaurar a alma da música” Neil Young leva uns meses promovendo PonoMusic, unha iniciativa que busca achegar música en formato dixital cunha calidade que respecte as creacións dos autores, mantendo a súa forza e a súa paixón, para o que están a preparar unha tenda de música en liña (PonoMusic) e un reprodutor (The PonoPlayer), que pretende oporse á tendencia actual de escoitar música en dispositivos multi-función como o smartphone primando a calidade sonora.
O PonoPlayer será un reprodutor portátil, cunha sinxela pantalla LCD táctil, que integrará tecnoloxía desenvolvida por Ayre (compañía experta en audio dixital) para permitir que os audiófilos poidan estar o máis preto posible dunha copia master de estudio, en contraste cos ficheiros MP3 que tendemos a escoitar actualmente. Este dispositivo terá unha capacidade interna de 128 Gb (o que permitirá gardar entre 100 e 500 álbums de alta resolución musical) que poderá adquirirse a partir do mércores a través de Kickstarter a un prezo de 399 dólares.

PUBLICIDADE