Nedgia Galicia lanza aplicación para facilitarnos a lectura do consumo de gas

martes, 17 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Nedgia Galicia, a distribuidora do grupo Gas Natural Fenosa que opera na nosa terra, vén de poñer a a disposición dos seus usuarios unha ferramenta móbil que lles fai máis doada a interpretación dos datos xerado polo seu consumo. Trátase da aplicación YoLeoGas, dirixida a facilitar o proceso de lectura de contador do gas, de maneira sinxela e simple a través do móbil ou tableta do usuario.
Segundo explica a dita empresa, trátase dunha iniciativa compartida polas principais distribuidoras de gas no ámbito estatal, a devandita Nedgia, Redexis Gas, Madrileña Rede de Gas e Nortegas. O desenvolvemento da app responde, de feito, ao seu compromiso común a prol dunha maior eficiencia nos procesos e dun mellor servizo aos usuarios a través da dixitalización.
Para tirarlle proveito, o cliente ten que rexistrar o número do CUPS (Código Unificado de Punto de Subministración que figura na factura emitida polo comercializador) na aplicación e facer unha foto ao equipo de medida. Logo, a ferramenta avisa ao cliente se a foto é correcta e envíaa aos sistemas informáticos da distribuidora correspondente, que é quen de procesala de maneira automática.
Entre as opcións que ofrece este novo e innovador recurso móbil atópase a configuración de notificacións para que recibamos un aviso en canto haxa que realizar a lectura do contador. Ademais, a aplicación mostra o histórico de lecturas para que poidamos facer seguimento do consumo.
A aplicación, que está xa dispoñíbel para dispositivos iOS e con Android, está ao alcance da man de todos os usuarios de gas canalizado de España das distribuidoras promotoras da aplicación, así como por todas as comercializadoras existentes, que poderán así recibir de forma en liña a información de consumo de cada punto de subministración.

PUBLICIDADE