Naturgy poderá facer telexestión integral das súas redes grazas aos sistemas intelixentes de Microsoft

luns, 11 de novembro do 2019 Redacción


Microsoft formalizou un un acordo con UFD, a distribuidora eléctrica do Grupo Naturgy, co obxectivo de aplicar a tecnoloxía Azure IoT (referente do ámbitos da Internet das Cousas, a nube, a análise de Big Data e a Intelixencia Artificial) para facer avanzar a eléctrica na xestión a distancia das súas infraestruturas. Máis polo miúdo, o acordo permitiralle supervisar de maneira remota a súa rede de distribución.
O primeiro froito da alianza foi sentar os alicerces para o desenvolvemento dunha solución propia chamada Smart Energy Platform, con capacidade para facer seguimento das redes de UFD, cousa que é posíbel grazas á instalación de distintos tipos de sensores de baixo consumo, materializados a medida das necesidades do proxecto, que ofrecen, en palabras de Microsoft, “un sistema avanzado de monitoraxe e aproveitan o potencial da nube para realizar unha análise en tempo real”.
A adopción deste sistema, serve a Naturgy para optimizar o mantemento e mellorar o estado da súa rede de distribución de maneira proactiva, permitíndolle anticiparse á aparición de incidencias, xerar un aforro de custos e mellorar o servizo aos clientes.
A día de hoxe o proxecto atópase na súa fase piloto e ambas empresas están a traballar de xeito conxunto para desenvolver o hardware específico que posibilitará a detección dun amplo abano de incidencias nas estruturas de UFD, que, ademais, pretende ampliar dita plataforma a outras áreas para mellorar os seus procesos noutras contornas xeográficas.
Segundo engade a operadora, “a evolución da plataforma permitiranos maximizar o rendemento das nosas redes e, de feito, grazas aos datos proporcionados polos diferentes sensores IoT poderemos coñecer a carga que soporta cada cable en tempo real, así como a súa capacidade máxima en cada instante mediante a análise de parámetros como a temperatura do cable, a ambiental ou o grao de humidade”.
Dese modo, conclúe UFD, será posíbel “racionalizar o uso da infraestrutura dun modo máis preciso e realizar unha optimización dinámica da carga que soporta para alcanzar a máxima eficiencia, evitando ao mesmo tempo a saturación de puntos concretos da rede eléctrica”.
As seguintes fases do proxecto centraranse no desenvolvemento dunha plataforma baseada na Intelixencia Artificial de Microsoft Azure, que faga que se poida diferenciar, por exemplo, entre distintos patróns producidos no tendido eléctrico, para poder así detectar a causa e a localización exacta de incidencias, reducindo de forma drástica os tempos de intervención.
Ademais, nunha fase posterior do proxecto, poderase avanzar na automatización á hora de xerar partes de intervención con Dynamics 365, contribuíndo a que o sistema teña recursos para detectar a incidencia, determinar a solución e pór en marcha todos os procesos necesarios para alcanzala, acurtando os tempos de intervención.

PUBLICIDADE