Narón entregou os diplomas dos participantes nos obradoiros TIC de 2017

xoves, 4 de maio do 2017 Redacción

O Concello de Narón entregou a semana pasada unha manchea de acreditacións de estudos TIC entre a súa cidadanía. Foron, en total, 86 diplomas correspondentes a tres accións formativas para desempregados impulsadas en 2016 coa Administración autonómica e seis da Aula CeMIT, promovidas dende o Concello este mesmo ano (46 diplomas). Na entrega de acreditacións participaron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que deron os parabéns a todas as persoas participantes nos nove obradoiros. Estes abrangueron, na súa totalidade, máis de dúas mil horas de formación. A edil anunciou que a previsión ao longo deste 2017 é impartir unhas 6.000 horas de contidos a través de diversas convocatorias promovidas desde o consistorio (algunhas das cales abriranse os vindeiros días).
Os cursos da Aula CeMIT de Xuvia (400 horas de formación nos últimos dous meses) foron os seguintes: Xestión Empresarial Básica (200 horas e sete participantes), Mellora da Empregabilidade en Internet (30 horas e oito participantes); Mercadotecnia dixital KPIs (50 horas e nove persoas inscritas); Alfabetización dixital, deseño de currículo e procura de emprego (100 horas e dez alumnos); Posicionamento en Internet e indicadores de xestión (24 horas e catro participantes) e Creación e dinamización da túa web (24 horas e oito asistentes).
No referente ás Accións Formativas para Desempregados (ADF) entregáronse un total de corenta diplomas. Dos mesmos, trece correspóndense coas persoas que remataron o curso de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (628 horas); catorce coas de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (478 horas) e trece co de Montaxe de móbeis e elementos de carpintería (478 horas).

PUBLICIDADE