Narón abre o prazo de inscrición para o seu programa Informática Divertida

xoves, 8 de xuño do 2023 S. P.

O Concello de Narón, a través da edil en funcións Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo de inscrición no programa Informática Divertida (INDI) dirixido a menores empadroados en Narón de entre 8 e 12 anos. A concelleira indicou que as sesións de INDI desenvolveranse na Aula Cemit de Xuvia do 3 ao 31 de xullo (incluídos, se ben o día 25 non haberá actividade) en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas de luns a venres. En total ofértanse 15 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Os participantes aprenderán a programar con Minecraft, Star Wars e Frozen e tamén programación de bloques, a crear blogs para nenas e nenos e a elaborar un cómic dixital.
“Esta proposta é unha iniciativa formativa centrada no ámbito da robótica e que convocamos novamente coincidindo co período vacacional para ofrecer aos máis pequenos ao longo dun mes unha alternativa educativa, tecnolóxica e creativa para o seu tempo de lecer”, apuntou a edil naronesa.
Na zona rural da cidade, ofertouse este mesmo programa aos centros cívicos sociais das sete parroquias. As persoas interesadas poden contactar coas diferentes entidades veciñais para inscribirse ou solicitar información, ofrecéndose dez prazas para cada un deles. As sesións impartiranse nas mesmas datas e horario que na Aula Cemit de Xuvia.
As solicitudes para a Aula poden presentarse ata o 16 de xuño ás 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica de Narón (onde se pode consultar toda a información deste programa) ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas utilizando o formulario dispoñíbel na sede electrónica. Para obter máis información sobre o programa INDI pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 ou 1123).

PUBLICIDADE