Narón abre o prazo de inscrición para dous cursos TIC: un sobre trámites e outro sobre utilidades de Internet

xoves, 21 de abril do 2022 S. P.

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías de Narón, Natalia Hermida, anunciou este mércores 20 de abril a apertura do prazo de inscrición en dous cursos tecnolóxicos que se impartirán na aula CeMIT de Xuvia, por unha banda Trámites electrónicos/Oficina virtual e pola outra Internet e as súas utilidades seguras. Os dous teñen en común mostrar funcionalidades prácticas das novas ferramentas para o día a día dos veciños.
O curso sobre Trámites electrónicos/Oficina virtual consta dun total de 24 horas e impartirase do 10 ao 18 de maio entre as 9.30 e as 13.30 horas. As persoas que o realicen abordarán contidos como a introdución á Administración Electrónica, os trámites de libre acceso (sen certificado), que é un certificado dixital e como obtelo, o uso e funcionamento do DNI electrónico e a realización de trámites en liña (citas médicas, Seguridade Social, Axencia Tributaria).
No que respecta á actividade formativa Internet e as súas utilidade seguras, impartiranse 80 horas formativas, dende o 11 de maio ata o 8 de xuño e en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Os contidos serán neste caso sobre a seguridade, contrasinais, antivirus –tipos de virus, configuración e uso-, navegar en páxinas seguras, compras en páxinas seguras, correo electrónico seguro e seguridade en redes sociais.
Ofértanse un total de doce prazas para cada unha das convocatorias, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, recibindo as persoas admitidas no mesmo unha chamada telefónica na que lles confirmará esa admisión.