Nace unha web galega especializada no deseño e nas artes

mércores, 29 de abril do 2009 Raquel Noya

“Un punto de encontro de todos os amantes da cultura visual e das artes”; así é como se define a si mesma a última publicación galega en liña creada polo estudo de deseño Atelier Gráfica Visual de A Coruña, unha ferramenta multimedia que busca posicionar aos artistas galegos no mundo (deseñadores, arquitectos, fotógrafos, cineastas…) e dalos a coñecer alén das nosas fronteiras do xeito máis orixinal posible.
Inocuo vén de ver a luz na Rede co obxectivo firme de proxectar fóra de Galicia as tendencias artísticas e os novos talentos galegos, porén, cunha periodicidade mensual, recopila toda a información especializada “vía off-line e tamén on-line”, que trate sobre todas as artes habidas e por haber no noso país (danza, pintura, cine, ilustración, música, teatro…).
Segundo vén de afirmar a editora da publicación e directora de arte de Atelier, Cristina Ayala, “Inocuo persegue un dobre propósito: centralizar a información de interese para os artistas e difundir os avances tecnolóxicos, as últimas tendencias e os proxectos novidosos realizados en Galicia”.
Trátase, a fin de contas, dun soporte multimedia de comunicación que chama a atención pola súa orixinalidade e pola creatividade coa que foi creada, que ademais de ser atractiva preséntalle ao internauta unha dobre funcionalidade: por unha banda permítelle coñecer os actos culturais de calquera tipo que se vaian dando nas distintas localidades galegas, a modo de axenda, e por outra, permítelle ao visitante estar ao día no tocante ás últimas tendencias galegas que traspasan as fronteiras cara o resto do mundo.
A web inclúe tanto novas con imaxes fixas como informacións con animacións en flash, vídeos, composicións… realizadas coas últimas e máis modernas ferramentas tecnolóxicas.
Asemade, integra diversas seccións, que se centran principalmente nas tendencias, nos concursos e nas exposicións de interese de cada unha das citadas artes, así como as súas novidades.
Os interesados en recibir o newletter mensual, só teñen que suscribirse á publicación enchendo coa súa dirección de correo electrónico o recadro reservado para tal fin na sección Suscrición-Alta boletín, da web oficial.

PUBLICIDADE