Nace o Grupo Dixired coa intención de crear un gran medio na Internet

venres, 6 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Mario Tascón podería ser o eixo humano do novo proxecto.

Juan e Alejandro Kindelán, Luís Infante, José Manuel Rodrigo, Álex Sopeña e Ignacio Moreno (algúns dos antigos promotores, accionistas e directivos do grupo Recoletos) lanzaron Dixired, un novo grupo de comunicación que conta cun investimento de preto de 40 millóns de euros pretendendo converterse «no medio de comunicación máis importante de fala hispana en Internet e demais territorios dixitais». A este proxecto se unen tamén Mario Tascón, fundador da edición dixital de El Mundo e principal responsable durante varios anos de Prisacom (que sería o eixe humano desta iniciativa); Juan Carlos Cabrera, ex-director técnico de Prisacom e ElMundo.es; e Vanessa Jiménez, responsable de información de ElMundo.es de 1997 a 2000 e de ElPais.com de 2000 ata a incorporación ao Grupo Dixired.
O director de factoría en Dixired será Jorge Martín-Luengo (que tamén tivo distintos cargos nas webs do Grupo Recoletos e PRISA), mentres que Enrique Infante (primeiro responsable da web do diario Marca) pasará a ocupar o cargo de director de desenvolvemento de negocio.
O novo medio pretende ser accesible a todo tipo de dispositivos e engadirá a agregación de contidos, a xestión e edición xornalística humana co «máximo grado de profesionalidade, independencia, credibilidade, (..) respecto aos lectores e creatividade» e se rumorea que o nome que pode tomar o medio xeralista a crear sería 233grados (en referencia á temperatura á que arde o papel).

PUBLICIDADE