Nace en Vigo unha caixa de suxestións virtual para empresas

mércores, 7 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia), comprometida en axudarlle ás empresas e emprendedores a superar a crise que atravesa o país dende o 2008, vén de iniciar unha campaña de apoio, difusión e promoción daqueles proxectos de calado social que sexan desenvolvidos polos seus asociados, dándolle un protagonismo especial ás iniciativas que promovan as relacións de comunicación entre empresas e sociedade (principalmente en liña) e tamén ás vinculadas á formación.
Xa que logo, un dos proxectos ligados á mellora da comunicación entre empresas e sociedade e que vai contar co apoio efectivo de AJE Galicia, é a web Elbuzondesugerencias.es, unha ferramenta que se presenta ás empresas como unha opción de comunicación en liña eficaz cos seus clientes e traballadores.
A páxina ten como obxectivo recibir todas aquelas suxestións, consultas ou dúbidas que poidan xurdir tanto dos propios empregados das empresas como dos consumidores e clientes, que atoparán aquí un punto de encontro virtual directo cos responsables da compañía.
Ricardo Velasco, director da iniciativa, destaca que a principal vantaxe desta web fronte a outras xa existentes na Rede radica en que “é unha web de usuarios a empresas, cando o habitual é que os usuarios fagan comentarios sobre empresas para influír na decisión de compra de outros”.
Esta caixa virtual de suxestións ofrece unha canle de comunicación efectiva e construtiva de utilidade tanto para as empresas como para os usuarios, pois permite que o destinatario da suxestión interactúe co emisor aínda que este o fixera de xeito anónimo, propiciando que os internautas perdan o medo a deixar os seus comentarios sen posibles represalias e que os empresarios reciban queixas e suxestións que doutra maneira descoñecerían.
A ferramenta permite, por unha banda que os responsables das empresas melloren os seus servizos de xeito continuo, e pola outra, que os clientes e usuarios comproben que as súas suxestións e queixas foron recibidas pola persoa interesada e reciban resposta.
No tocante ao segundo ítem de interese para AJE Galicia, o da formación, a organización apoia a iniciativa da consultora galega de formación Grupo Femxa, que ten previsto realizar máis de 35 itinerarios de formación de balde para a inserción ao mercado laboral de preto de 5.000 mozos e mozas desempregados.
As accións formativas recollidas no plan oscilan entre as 160 e as 300 horas e, como non podía ser doutra maneira, impartiranse na modalidade presencial e en liña, o que lle facilitará aos alumnos e alumnas a asistencia ás clases.

PUBLICIDADE