Nace RadioGalegaPodcast.gal

mércores, 20 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Dende a CRTVG están a estrear Radio Galega Podcast, un novo espazo web no que recollen pezas sonoras para o seu consumo en liña, agrupados en series que poden ser programas da Radio Galega ou seccións habituais dos mesmos, facilitando así a súa reprodución en liña vía web.
Os contidos distribúense baixo as categorías de Cultura, Igualdade, Humor, Historia, Saúde, Música e Sociedade, e incluso facilitan o acceso aos mesmos a través de listaxes de reprodución destacadas, nas que escolman episodios facilitando así a reprodución continua de contidos dunha temática determinada.
Aseguran que este espazo non se limitará a programas orixinais da Radio Galega, senón que tamén acollerá programas nativos dixitais, ou sexa, feitos directamente para o seu consumo fóra da grella das emisoras convencionais do ente público.
Resulta un tanto rechamante que esta nova páxina web leve a palabra podcast no seu título, cando o seu funcionamento é máis próximo ao dun servizo de audio baixo demanda coa opción de descargar os contidos.

PUBLICIDADE