Na Rede as cantigas medievais galego-portuguesas
mércores, 9 de novembro do 2011
Vémolo vía Chuza!:
as cantigas medievais galego-portuguesas xa están en formato en liña, o que significa
entre outras cousas que están a disposición de todo aquel que queira velas,
lelas e afondar neste mundo das raizames pasadas, comúns en ámbalas beiras do
Miño, do noso presente. Máis polo miúdo e segundo informan na páxina web Cantigas Medievais
Galego-Portuguesas, estamos ante unha base de datos centrada en
achegar, a investigadores e público en xeral, a totalidade deste patrimonio
literario presente nos nosos cancioneiros comúns, cousa que se complementa coas
imaxes dos manuscritos e mesmo coa música.
A base de datos tamén incorpora información
sobre os autores que se inclúen e, tamén, sobre as persoas ás que se alude,
directamente ou non, nas cantigas.
A web é especialmente axeitada para un estudo
afondo deste rico legado medieval, xa que dá acceso a un “um conjunto de informações destinadas a facilitar quer a sua leitura,
quer o seu enquadramento histórico (glossário, notas explicativas de versos,
toponímia, antroponímia, notas gerais)”, informan os responsábeis do
proxecto, dende o que tamén se lle empresta especial atención aos aspectos
formais de cada texto.
A páxina é froito da iniciativa Littera,
edição, atualização e preservação do património literário medieval português,
financiada polo Instituto de Estudos Medievais da Faculdade de Ciências Sociais
e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. A base de datos desenvolveuse entre
outubro de 2007 e outubro de 2010. A equipa encargada dos traballos dispuxo da
colaboración da Biblioteca Nacional de Portugal “no que toca às imagens do Cancioneiro da Ajuda e do Cancioneiro da
Biblioteca Nacional”.