NBA 2K14 ofrecerase a través de PlayStation Plus no mes de xuño

xoves, 29 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os usuarios de PS3 con PS Plus poderán gozar en xuño de NBA 2K14

No mes de xuño o servizo PlayStation Plus cumprirá 4 anos, tempo no que evolucionou a pasos axigantados, especialmente co lanzamento da colección de xogos instantáneos que xa están dispoñibles para PS3, PS Vita e PS4, e converténdose nunha parte fundamental da estratexia da PlayStation 4. Agora, continuando no seu fornecemento, confirman que os membros de PlayStation Plus poderán gozar na súa colección de xogos instantáneos con 2 xogos por plataforma cada mes. Tamén mudan o xeito de publicación dos xogos, de xeito que, a partires de xullo, os títulos incorporaranse o primeiro mércores de cada mes e estarán dispoñibles para a súa descarga ata o primeiro mércores do mes seguinte.
Durante o mes de xuño os xogos que formarán parte deste atractivo servizo serán bastante modestos no caso da PlayStation 4 (Pixeljunk Shooter Ultimate e Trine 2: The Complete Story), pero para a PlayStation 3 a oferta será moito máis interesante, co xogo de terror psicolóxico Lone Survivor (Director’s Cut) (que inclúe Cross-Buy) e o magnífico xogo deportivo NBA 2K14, que posiblemente sexa o mellor título de baloncesto visto ata o momento, polo que os seareiros deste tipo de xogos estarán encantados de poder gozar do mesmo.
No caso da PS Vita os xogos tamén serán bastante discretos: Dragon’s Crown e Surge Deluxe.


Vídeo promocional dos xogos instantáneos que incluirá PlayStation Plus no mes de xuño

PUBLICIDADE