My Little Pony terá xogo móbil antes de rematar o ano

martes, 16 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os Power Rangers, He-Man, Son Goku... numerosas iconas da infancia están a estrear videoxogos, e na mesma liña Gameloft vén de anunciar no marco da Comic-Con de New York da pasada fin de semana que están a preparar un xogo móbil para iOS e Android de My Little Pony (Mi Pequeño Pony), liña de xoguetes de Hasbro que chegará ás pantallas do iPod Touch, iPhone, iPad e outros trebellos móbiles para permitir aos xogadores construír unha Ponyville de seu (na liña do xogo dos Pitufos) á vez que animan as partidas con pequenos mini xogos nos que encarnar a un dos póneis protagonistas para superar distintas probas como saltar para coller mazás ou voar para capturar nubes brancas (evitando as nubes negras).
O xogo chegará ás tendas de descargas de aplicacións a finais de ano, e pasa así a engrosar un dos moitos produtos que hai ao redor desta franquía na que non falta series de televisión, películas e incluso xogos para Game Boy Advance e Nintendo DS, de aí que o seu salto aos dispositivos móbiles non sexa unha grande sorpresa.

O novo título de Gameloft inclúe mini xogos para non limitarse a ser un clon de FarmVille

PUBLICIDADE