MuyComputerPRO entrevista a Antonio Vidal, premio ao mellor científico de datos en España

luns, 27 de novembro do 2017 Redacción

A web MuyComputerPRO, canle especializada en información tecnolóxica e un dos medios dixitais máis referenciais do ámbito TIC, vén de publicar unha entrevista co enxeñeiro galego Antonio Vidal, científico de datos de SIVSA, co gallo de ter sido galardoado co premio ao Mellor Científico de Datos de España, edición 2017. Na reportaxe, Antonio Vidal fai un percorrido polo proxecto que está na orixe do dito recoñecemento, pola súa experiencia profesional e, tamén, polo que está por vir en materia de tratamento de datos, tanto a nivel de formación como de aplicación e posta en marcha.
Como lembraremos, Vidal é enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo. A día de hoxe é responsábel de Ciencia de Datos na empresa SIVSA, da que temos falado en Código Cero para salientar as vantaxes e características pioneiras das plataformas Fenix (para facilitar o día a día de clínicas e centros médicos) e Geenie (para axilizar nos organismos públicos a compra de bens dentro do sistema de Contratación Centralizada do Ministerio de Facenda).
O enxeñeiro distinguido, ademais, está a compatibilizar o traballo en SIVSA coa elaboración da súa tese de doutoramento na Universidade, baixo a dirección do catedrático Javier González Casteño e co obxectivo de dar forma a algoritmos que axuden (de maneira automática) a predicir o prezo de poxa dun servizo na nube, con vistas a minimizar custes na contratación dun servizo. Trátase do proxecto AWS SpotPred, en palabras de Vidal “un sistema que predí os prezos das poxas das máquinas virtuais Amazon EC2 e especialmente deseñado para asegurar que as subastas se gañen ao menor prezo posíbel”, o que posibilitaría a optimización de custes de infraestrutura nas empresas que usan os servizos de Amazon AWS na nube.
Os galardóns
Os premios Data Science Awards Spain 2017, impulsados por Synergic Partners, empresa do grupo Telefónica, distinguen as mellores iniciativas particulares e empresariais e de xornalismo de datos no eido da información a gran escala (Big Data). Para esta segunda edición, resolta recentemente, recibíronse máis de 300 propostas, a distribuír en tres categorías. O xurado elixiu aos gañadores nas categorías de científico de datos, na que triunfou Antonio Vidal; na modalidade de empresas que foi para Ebury e con mención de honra PepsiCo; e o premio ao mellor traballo de xornalismo de datos en España foi para Mar Cabra. Ademais, o xurado decidiu outorgar dúas mencións de honra na categoría de científicos de datos por un lado a Roberto Martín, como Mellor Visualización de Datos e, por outro, a Alejandro Baldominos coa mención á Mellor Solución de Arquitectura Big Data.

PUBLICIDADE