Músicos e artistas xuntan forzas nunha web para homenaxear ao escritor Manuel Seixas

mércores, 14 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

Arredor das homenaxes (homenaxes sorpresa) que se lle están adicando ao escritor e músico arousán Manuel Seixas (amais de profesor de Filosofía, tal e como ben lembra quen escribe e quen tivo a sorte de telo de mestre), vénse de pór en marcha unha páxina web, Sonhado con Seixas, que é ante todo un convite literal a coñecer (e soñala) a traxectoria do autor de A velocidade do frío (Premio Xerais). Amais da web, a actividade festiva non é precisamente pouca: versións das súas cancións feitas por outros grupos, unha festa propiamente dita e textos de homenaxe feitos por compañeiros. Todo para pór de relevo ao artista e a quen hai detrás do artista, responsábel de cousas como o mítico grupo Korosi Dansas ou o selo discográfico e literario Madame Mir.
Segundo puidemos saber, a web en cuestión foi presentada por sorpresa os días pasados na Illa de Arousa, facéndose fincapé na súa arela de amosar do xeito máis completo e clarificador posíbel o labor multidisciplinar de Seixas. Porén, e este é un dos puntos fortes da proposta dixital, boa parte dese labor e dese legado amósase a través de quen o coñece ben: xente como Josito Porto (autor do texto-homenaxe Arriba esas cañas!), os integrantes de Zenzar ou Ruxe Ruxe (facendo versións dos temas de Seixas), Fran Montoiro (co seu debuxo inspirado en A velocidade do frío) ou Alberto Busto (Xente Positiva), entre outros moitos (Pito de Pikasso, De Lombaos, Quilma, Xurxo Souto, etc). Na páxina hai textos, músicas e material gráfico, todo artellado a xeito de xaneliñas que son como as facetas do legado do autor. Ou mellor dito: de como os demais son quen de ver, grazas a Seixas, o seu legado.
Segundo explica ao CCG Vituco Neira, de Ruxerruxe, "optamos por facer un web no canto dun disco conmemorativo porque así o proxecto permite que se vaian incorporando novas colaboracións; a maiores sabiamos que ademais de músicos, xente doutras disciplinas quería participar, e pareceunos que era o máis axeitado". Lembrar tamén que se trata dun proxecto dixital aberto, precisamente coma unha festa que non ten trazas de rematar e á que se vai incorporando xente, polo que en breve chegarán novas contribucións musicais, gráficas ou literarias.

PUBLICIDADE