Mundos Digitales salienta o potencial local do sector dos contidos dixitais interactivos

mércores, 29 de xaneiro do 2020 Redacción

Enmarcado nas actividades que leva a cabo Mundos Digitales ao longo do ano celebrouse unha xornada denominada Coruña Digital LAB, iniciativa que busca promocionar o sector dos contidos dixitais interactivos para dinamizar e potenciar este tecido empresarial rexional xuntando a representantes da Administración, a formación e o sector profesional. Para reivindicar o potencial local do sector realizáronse presentacións de varias compañías que serven de casos de éxito, demostrando que non só é posible desenvolver proxectos punteiros desde Galicia, senón que nos atopamos nun momento de cambio de paradigma, tanto en creación dos contidos dixitais, como na aparición de novos modelos de negocio que podemos e debemos explotar.
No que á animación refírese, a Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación, Diboos, ofrece datos esenciais que contextualizan a situación da animación en España, extraídos do Libro Branco este pasado ano. No devandito documento, ponse de manifesto que España é o segundo produtor de animación de Europa e o quinto a nivel mundial, e que xera 11.440 empregos directos e 29.000 profesionais vinculados, cunha facturación de 981 millóns de euros en 2019 e unha previsión para 2020 de 1.177 millóns, o que coloca a este sector como unha potencia no panorama nacional.
Neste escenario defenden que desde Galicia temos que aproveitar a oportunidade e traballar en accións dirixidas ao fomento do investimento, da produción local, da identificación e formación do talento e da creación de emprego, onde o apoio das Administracións Públicas coas súas políticas, son decisivas para competir en igualdade de condicións con industrias nacionais e doutros países, cuxos gobernos foron sensibles e apostaron por un sector de creación de riqueza social e económica e, por tanto, de futuro.
Galicia foi pioneira e o referente europeo na primeira década deste século e os participantes na xornada consideraron crucial volver converternos nun polo de referencia da creación de contidos dixitais interactivos, para o que identifican por unanimidade, o acceso ao financiamento como principal factor que representa un obstáculo ao seu desenvolvemento. O sistema de incentivos fiscais preséntase así como un aspecto chave, e que outras comunidades a diferenza da nosa souberon pór en valor para promover a creación dun sector de contidos dixitais, como é o caso de Navarra e sobre todo Canarias. Os outros dous aspectos que máis demandan as empresas son a capacidade de reter talento e os encontros profesionais de nivel internacional (ámbito no que A Coruña é referente grazas á celebración dende hai 19 anos de Mundos Digitales).
Aseguran que en Galicia temos o saber facer preciso para volver ser ese referente europeo que fomos, contamos con profesionais de primeiro nivel internacional e cunha formación de alta especialización, que do mesmo xeito que a finais dos anos 90, formará unha canteira de profesionais que o sector demanda intensamente. A formación especializada e regrada preséntase así como un dos alicerces que consolida os vimbios necesarios para captar a atención e interese das compañías, ávidas de incorporar novos talentos ás súas próximas producións, como se reflicte na enorme demanda que cada ano solicitan na Feira de Emprego de Mundos Digitales, a segunda feira máis importante de Europa do sector e que congrega a algúns dos estudos máis destacados a nivel nacional e internacional. É por iso que o establecemento de axudas para que se fomente un compromiso entre as empresas e a formación, redundará nunha xestión eficaz do talento que hai que xestionar, reforzar e profesionalizar para a creación dunha industria de contidos dixitais sólida e competitiva.
A todo iso, hai que sumar as novas tendencias tecnolóxicas vinculadas á produción de contidos dixitais interactivos que supón a creación de novos modelos de negocio moito máis amplos e moitos casos máis rendibles, como é a inclusión de tecnoloxías como a Realidade Virtual e Aumentada, aplicadas a innumerables negocios, os procesos de Render en tempo Real, a Intelixencia Artificial ou os servizos na nube entre outros.
Estes novas áreas de negocio, están moi relacionadas coa creación interactiva de contidos, na que as empresas de videoxogos xogan un papel fundamental e na que Galicia conta cun dos referentes máis importantes da produción nacional como é o caso da compañía coruñesa Gato Studio, que nesta sesión e en exclusiva para Mundos Digitales, amosou o seu novo proxecto The Waylanders, un proxecto que supuxo preto de 4 anos de traballo e un equipo próximo ás 50 persoas.
É por todos coñecido, que o sector dos videoxogos a nivel mundial factura máis que o cine e a música xuntos e é unha industria que asegura o seu crecemento en todos os mercados transversalmente, pois ten aplicacións en numerosos sectores. O seu activo é a propiedade intelectual, que é capaz de xerar retornos en distintos formatos e canles de explotación por longos períodos de tempo, é por iso que posúe un alto potencial, como creadora de cultura, riqueza e emprego cualificado.
Pero este sector ten a día de hoxe debilidades, entre as que se atopa do mesmo xeito que no sector da animación, o establecer un incentivo fiscal, mellorar os mecanismos de acceso a deducións fiscais por actividades de I+D+i (lembremos que o videoxogo está considerado por lei como innovación), profesionalizar e internacionalizar as empresas pequenas, promover un esquema de reinversión das multinacionais no videoxogo español, fomentar a creación de emprego e atraer aos editores e investidores á nosa rexión.
Para paliar estas carencias que sofre o sector, desde iniciativas como Mundos Digitales, Videoxogo.gal (a Asociación Galega de Videoxogos) ou a Agrupación industrial Audiovisual Galego, desenvolverán un plan integrado que inclúa accións de descubrir talento, fomentar a formación especializada, a aceleración do sector (a través de axuda á orientación a mercado e bolsas de traballo) e internacionalización, a través de vías de financiamento, como pode ser a validación-micromecenado, o investimento e a visibilidade. Aínda que debe de ser o sector o que dea eses pasos para a súa propia profesionalización, a colaboración das administracións públicas son un aspecto chave para conseguir estes retos de volver converter a Galicia na punta de lanza dun sector cada vez máis en auxe e cunhas expectativas de futuro aínda mellores.
Todos estes temas abordáronse nunha sesión a porta pechada na que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a concelleira de Industria, Eva Martínez; o reitor da UDC, Julio Abalde; e numerosos representantes da industria dos contidos dixitais en Galicia, entre os que destacaban Brandán de Brano (Antaruxa), Luis Rivero (Urbansimulations) e Sergio Prieto (Gato Studio), quen tras este encontro acudiron ao auditorio de Afundación para presentar o traballo que fan dende as súas compañías ante un público desexoso de coñecer os traballos que neste sector tan dinámico se desenvolven en Galicia e, moi concretamente, na cidade da Coruña.
Dende a organización de Mundos Digitales tamén quixeron apuntar que non limitarán as súas actividades ao congreso internacional que organizan na Coruña no verán, senón que tamén celebrarán outros encontros de menor entidade, incluso fóra da cidade da Coruña, axudando así a dinamizar o sector e dar unha maior visibilidade á marca que sitúa a Galicia no sector dos contidos dixitais global.

PUBLICIDADE